viernes, 14 de marzo de 2008


Made in Galiza, de Séchu Sende


XORNAL I Vigo.- Con espírito rebelde e unha imaxinación literaria rebordante, Séchu Sende entra a cachón no tema da lingua no seu novo libro, titulado Made in Galiza. A lingua como o produto máis rico e mellor elaborado da Galiza, a lingua como creación, non como corsé, a lingua como espazo de comunicación no que todos interveñen e todas teñen algo que dicir. Este libro de relatos, escrito desde a máis absoluta falta de prexuízos, revira as situacións, dálle a volta aos problemas e encara a situación da lingua galega coa liberdade que lle outorga o humor e un pulo narrativo extraordinariamente orixinal.

Logo de Orixe, a súa primeira novela e Premio Blanco Amor 2003, Séchu Sende volve sorprender cun libro de relatos que interioriza e fai súa a situación do galego como lingua en permanente conflito. Historias orixinais, que non se deteñen ante os tópicos lingüísticos e literarios, que lles dan a volta, que os reviran, para facer das supostas debilidades as grandezas e a forza dun proxecto literario que quere intervir na realidade, que se compromete e esixe que o lector se comprometa pero que o fai coas armas do humor, a imaxinación e a literatura viva, directa, concibida como liberdade das lectoras, dos lectores, e do escritor.

A narración como espazo lúdico, o xogo como transgresión e método para implicarse na realidade. Séchu Sende refuga a literatura como escape, todo o contrario, volve a ela desde a liberdade para propoñer cambiar a realidade. Contraditorio, inocente, emocionante, creativo, rebelde: un libro Made in Galiza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario